Que vantaxes ofrece?

O concepto de trazabilidade que constitúe o eixo sobre o que se asenta o proxecto FORTRA é a achega de información de valor como panca de xeración de confianza no consumidor.

Desde ese plantexamento, o obxectivo da iniciativa FORTRA é dotar ao sector da madeira de Galicia dunha ferramenta para posicionar os seus produtos nunha situación vantaxosa e competitiva dentro do mercado nacional ou internacional, que lles permita proporcionar aos seus clientes a información relevante para tomar unha decisión de compra consciente, baseada de principios de respecto ao medio ambiente, comercio en proximidade, calidade e garantía de orixe.

FORTRA engade valor ao produto, mellorando a competitividade da empresa no mercado, mellorando a integridade da cadea de valor e o sistema de dilixencia debida. A súa relevancia vese confirmada por ser unha das "boas prácticas" seleccionadas polo proxecto europeo Wood Circus, cuxo principal obxectivo é promover as cadeas de valor dos bosques como elemento clave da bioeconomía circular en Europa no contexto actual, co obxectivo de favorecer unha transición cara á neutralidade climática para o 2050 e á vista da demanda de produtos da madeira, políticas que fomenten o uso de recursos locais ou de proximidade ("quilómetro 0"), a descarbonización a través de produtos con unha pegada de carbono "negativa" e deforestación cero, así como a legalidade da madeira comercializada.

Cómpre engadir que FORTRA está a ser ampliada a todo o ciclo de vida dun produto (utilización, reutilización, reciclaxe e finalmente a súa valorización enerxética), fomentado así o “uso en cadoiro” da madeira. En consonancia co novo estándar ISO 38200 "Cadea de custodia da madeira y produtos derivados da madeira” que se basea na necesidade de estandarizar a integridade da cadea de subministro ao longo de toda a cadea de custodia até o produto final, FORTRA está a preparar todos os controis que os produtores poden utilizar nos seus ecoetiquetados, nomeadamente, entre outros: "biobaseado", "renovable", "reutilizable", "reciclable", "circular", "biodegradable", "compostable", “con baixa / XY pegada de carbono" (FORTRA xa calcula a pegada de carbono do produto), "apoiando aos obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ODS 12+13+15", "libre de plástico", "Libre do produto que se queira sinalar", "madeira proveniente de compras rexionais (dentro dun radio de X quilómetros) (FORTRA calcula este dato porque a parcela de corta e os centros de transformación están xeorreferenciados), "cadea de subministro de deforestación 0", madeira con selo de garantía (“Pino de Galicia”) ou por suposto sistemas de certificación forestal (PEFC/FSC).

Como funciona?

O sistema de trazabilidade baséase nunha plataforma proporcionada de balde pola Xunta de Galicia que emprega unha tecnoloxía chamada blockchain. Esta tecnoloxía garante que os datos de trazabilidade son públicos e non se poden manipular nin eliminar unha vez que se introducen na cadea. Cada peza de información vai asinada dixitalmente, o que engade garantía de autenticidade.

A trazabilidade baséase en rexistrar cada operación feita no proceso de transformación da madeira desde o aproveitamento ata a posta en mercado do produto final. A plataforma está integrada cos sistemas administrativos da Xunta de Galicia para a xestión dos permisos de aproveitamento, de xeito que se poden asociar aos procesos de transformación, quedando certificada a orixe da madeira cun nivel de precisión que pode chegar ata a referencia catastral, ainda que a ferramenta é flexible en canto ao nivel de detalle de agregación xeográfica, para adaptarse as necesidades e obxectivos da empresa. A asociación cos permisos de aproveitamento tamén achega certificación da legalidade da madeira e a pegada de carbono.

Ademáis dos datos estándar mínimos que son necesarios para permitir a trazabilidade, a ferramenta permite engadir todos aqueles campos adicionais que a empresa queira rexistrar, xa sexa para enriquecer o informe de trazabilidade que se amosa ao consumidor, ou para comunicar ao seguinte operador da cadena de valor. Do mesmo xeito, a ferramenta posibilita que parte da información do proceso de transformación non se publique, para garantir o segredo industrial. Asemade, pódese estender a todo o ciclo de vida dun produto (reparación, reutilización, renovación, reciclaxe), promovendo así a bioeconomía circular.

Que teño que facer para usalo?

A ferramenta pode ser empregada por calquera empresa que fabrique ou transforme produtos de madeira.

Para comezar a usala, tan só é necesario descargar e instalar unha sinxela aplicación para Windows que serve para enviar os datos de trazabilidade de cada lote e as súas operacións. Tamén é compatible cos sistemas operativos macOS e Linux.